De que vai isto? Como funcionamos?

MISIÓN da #EmerxenciaCulturalOurense:

  • Activar o tecido cultural de base. Promover unha cidade viva.
  • Visibilizar a cultura como unha cuestión transversal e unha preocupación cidadá (non exclusiva dos profesionais da cultura)
  • Demandar desde a base políticas culturais que incentiven (e non castiguen) a acción sociocultural.
  • Aprendermos a traballar en conxunto, a superar o individualismo, poñermos o ben común sobre os intereses particulares.
  • Denunciar o desmantelamento cultural, as políticas culturais desactivadoras, a privatización das rúas (taxas para actividades non lucrativas), o abandono dos barrios, o regulamento en materia de programación de espectáculos, a visión da cultura como showbusiness, o caciquismo, etc.
  • Recuperar o papel da cultura como activadora e o compromiso do tecido cultural coa realidade do momento (servizos sociais, educación, degradación ambiental, desigualdade, patrimonio, etc)
  • Entusiasmar, contaxiar, dinamizar, activar…

PROPOSTA OPERATIVA

  • Encontro semanal de grupos de traballo da Emerxencia Cultural Ourense, por agora todos os venres en espazos a convir en cada encontro. 
    • Obxectivos:  informar, poñer en común, activar, trazar estratexias, planificar accións conxuntas e intercambiar propostas e iniciativas.
    • Dinámica: revisión das accións e actividades por grupos de traballo, creación de grupos novos por proxectos. Apertura a novos colectivos e grupos, incitar a, animar a… Activar acción.
      • Ata o momento hai conformados: Grupo  de comunicación, grupo de deseño, grupo de produción técnica, grupo de produción gráfica e de tesourería. Estes grupos ou Comandos poden servirse de outros subgrupos. 
      • Están en proceso de creación: Grupo de Emerxencia cultural de cultura urbana (rap, ilustración, etc), Grupo de Emerxencia de sector de artes visuais,  Grupo de produción audiovisual, grupo de músicas.
  • Grupos autónomos, con capacidade de decisión nos seus erros e acertos, que se representan a si mesmas e que informan, acordan e poñen en común estratexias conxuntas nas xuntanzas semanais. Á marxe destas xuntanzas, cada grupo decide o que considere. As súas decisión son executivas.
  • Páxina web/foro. Propónse habilitar un foro. Estudar no equipo de programación web as posibilidade de articular un xeito de participación enfocado a compartir traballo, activar tormentas de ideas e de debate. Neste espazo penduraríanse as actas semanais e información de interese, e solicitaríase axuda para as necesidades que vaian xurdindo en cada grupo, etc. As usuarias rexistradas serían a comunidade activa da Emerxencia Cultural Ourense.
  • Estudar posibilidade e pertinencia ou non de constituirse como entidade xurídica a efectos de xestión económica e de permisos.

SOBRE O XEITO DE RELACIONARNOS

  • XENEROSIDADE, CONFIANZA E RESPECTO co traballo dos demais.
  • As xuntanzas de grupos de traballo semanais son abertas e con capacidade de decisión. Se non estamos, podemos suxerir, aportar, asumir ou non, pero ninguén debe considerarse con  dereito a esixir, impoñer ou fiscalizar o que se fai. Non somos delegadas nin representantes de colectivo ou organización formal algunha. Traballamos en nome de nós mesmas. Se pensamos que podemos ser útiles, ofrezámonos a artellar ou formar parte dalgún grupo de traballo no que a nosa contribución poda mellorar as cousas, ou fagámolo de xeito individual como mellor consideremos.
  • Cada grupo xúntase cando considera e comunícase como considera.
  • Auto analizarnos e ser construtivas nas nosas intervencións. Aceptar os erros dos demais e ter moi presente que a nosa presenza contribúa a tirar para adiante e non a desalentar.
  • O proceso debe ser san e gozoso, contribuír en primeira instancia á calidade de vida da xente que se implica nel. Levamos moito tempo pechadas e compre re configurar de novo o espazo público. Para asumir marróns e estar enleados en conflitos infinitos, ficamos na casa.